Hai unhas semanas coñecimos a Noa Sobrino, unha moza que escribiu un fermoso poema sobre o entroido do seu pobo, un dos mais arraigados e mais antigos, un que nunca, nin en tempos de guerra e de posguerra deixou de celebrarse.
Buscando información sobre o tema comprobamos que as poucas análises sobre a cuestión de xénero do entroido nos levan lonxe da Galiza, e quedan en mencións as letras de chirigotas ou a como a irreverencia asociada ao Carnaval leva a curiosas formas de expresarse cos disfraces, en moitos casos levando a homes que xamais se cuestionan a si mesmos a trasvestirse e poñerse grandes tetas e tacóns sen arriscarse a que ninguén dubide da súa masculinidade hexemónica.
Na Galiza, hai moitos lugares onde o entroido é unha das festas relevantes do ano, como no caso da Coruña, onde hai uns anos as mulleres da comparsa Os Maracos, as Comadres Cigarreiras, recuperaron a tradición do Xoves de Comadres, esquecida na zona (noutros lugares mantívose sempre) celebrando as mulleres un acto de sororidade unido á festa pagana da irreverencia e transgresión, onde é a xente a protagonista que toma as rúas.



Como en todo, non é baladí o éxito da loita feminista dos últimos anos, que se reflicte nas existosas manifestacións dos últimos #8M e que tamén irradia transversalmente a cotiandade, xurdindo espazos reivindicativos feministas en moitas estruturas sociais, pero, sobre todo, e cremos que mais importante, saíndo da Academia e chegando ás mulleres e ás rúas e, por sorte, ás mozas. Non nos cansamos de destacar, dende Nomepisesofreghao, a importancia do relevo que están protagonizando moitísimas mozas, organizadas ou non, e que serán quen constrúa o feminismo que a día de hoxe ten fondas feridas abertas. Mulleres bravas como Noa Sobrino, que ten 16 anos e que, dun traballo de clase fixo unha obra fermosa, según ela mesma conta, que non ía sair do entorno da súa clase e a súa familia, pero que toda a unha vila recoñeceu, porque fala delas, das mulleres de Laza e do seu papel no Entroido. Noa fixo este poema para contar os motivos polos que as mulleres de Laza non poñen o Peliqueiro, e estas razóns non son mais que o reflexo da realidade histórica do papel das mulleres na sociedade. Elas cosían, durante meses os peliqueiros que logo vestirían outros, poñerían sobre os hombreiros dos seus homes os panos que confeccionaban, farían a bica que repartirían, todo isto representando claramente como as mulleres son o sostén da tradición e da vida, son as coidadoras e as que, dende o espazo reproductivo, privado, fan posible o Entroido. E tamén mostra a cara feminizada da pobreza, cando había que alugar oe peliqueiros, só os homes podían facer o esforzo económico que supoñía. Ademáis, como pasa en moitas disciplinas deportivas masculinizadas, as nenas mostran durante a infancia o desexo de poñer o peliqueiro, e co paso do tempo “renuncian”. Isto non é mais que froito da presión patriarcal coa que se xestionan ditas disciplinas e Noa reivindica ás peliqueiras que as lazanas levan na ialma e que tamén cando crecen o sinten como o que mais, e para exemplo Benita, Canteira, recentemente falecida para quen o poema de Noa é unha fermosa homenaxe.
Os peliqueiros son a figura principal do Entroido de Laza, pero, por que non se ven moitas peliqueiras?
Noa Sobrino
Hai anos, as mulleres non adoitaban reflexionar sobre a súa posición, e simplemente adoptaban os papeis que lles impuñan. Así pasaba no Entroido, onde facían e repartían a famosa bica de Laza e colocaban un dos seus panos nas costas dos peliqueiros. Por outra banda, non calquera era quen de por o traxe, pois alquilábanse por horas e era moi caro. Para poder permitirse ese luxo, os homes debían traballar moi duro e aforrar. No caso das mulleres era máis complicado: ou ben non traballaban ou cobraban menos que os homes, polo que era casi imposible que acadaran esa suma de cartos. A medida que se foron facendo máis traxes e o prezo foi baixando, incrementáronse as oportunidades. Hoxe en día a situación non é tan diferente; non se espera das mulleres que saian peliqueiras de pura raza, é común pensar que a medida que vaian crecendo, van perder a paixón polo traxe.
Este poema honra a todas esas peliqueiras que non se deixan cohibir, en especial a Benita Canteira, moi soada en Laza e admirada por todos.
Escrito, nunha lingua fonética e autóctona do Entroido de Laza.
Deixámosvos o poema para que o desfrutedes e coñezades a realidade das piliqueiras dun xeito ben fermoso: