Convidamos a asinar o manifesto “feministas polos dereitos das persoas trans”

As Nomepisesofreghao asinamos este manifesto porque o feminismo é transinclusivo ou non é feminismo, porque a lei de identidade de xénero é imprescindible para a vida de persoas que levan anos loitando desde as marxes, porque temos que poñer no centro esas vidas e que merezan a pena ser vividas. A lei é un pasiño mais do camiño que nos queda por percorrer.

Traducimos aquí o texto do manifesto e convidamos a todas ás persoas e colectivos feministas a que o apoien, tedes aquí a ligazón para facelo.

O feminismo é un proxecto que existe para ampliar as posibilidades de vida da maioría das persoas e, por tanto, para garantir os dereitos de todas as mulleres. Non se pode usar para oporse ou para cuestionar os dereitos das persoas trans, que se enfrontan cotidianamente co estigma e a discriminación en moitos ámbitos das súas vidas, no laboral, o da vivenda, no ámbito da saúde, no da burocracia institucional, etc. En tanto feministas, afirmamos que outorgar uns dereitos polos que o movemento LGTBI+ leva moito tempo pelexando, incluíndo a autodeterminación de xénero, non é un xesto en contra das mulleres. Ao contrario, cremos que mellorar as condicións de vida das persoas trans profunda e ampla a democracia, mellora a nosa sociedade e fortalece a nosa loita contra unhas normas de xénero que nos limitan.

O suxeito das loitas, de calquera loita, non é un debate abstracto, constrúese nas prácticas. O feminismo leva enriquecéndose coas achegas de moitas compañeiras trans desde hai décadas e non podería entenderse sen a súa participación. Con elas demos forma aos 8M, con elas pelexamos aquí de xeito conxunto contra a violencia machista ou polo dereito ao aborto en países como Arxentina.

Nin a existencia nin os dereitos das compañeiras trans ponnos en perigo. A súa presenza non fai menos seguros os nosos espazos, senón que nos fai máis fortes e máis libres. Non necesitamos que ninguén veña a vixiar que é ser muller. Queremos, pola contra, ampliar o seu significado e as posibilidades de vivir de maneiras diversas sen encaixar nos moldes preestablecidos polo patriarcado. Estamos radicalmente en contra de que un dispositivo médico, que historicamente serviu para etiquetar como enfermas ás mulleres rebeldes que se saían da norma, decida sobre a identidade de xénero das persoas trans. Desde 2006 a ONU recomenda despatoloxizar e desmedicalizar as identidades trans co obxectivo de avanzar nos dereitos humanos. O feminismo nunca se aliou con dispositivos médicos e sociais que vulneran as nosas liberdades e tampouco o fará agora. Nun momento de auxe da ultradereita no mundo, que pretende vendernos identidades excluíntes afianzadas na denegación de dereitos a quen consideran diferentes, as feministas, como non podía ser doutra maneira, afirmamos en cambio a complexidade, riqueza e diversidade da experiencia humana e loitamos por unha estrutura social que acolla, coide e protexa esa experiencia.

Desexamos unha sociedade na que as persoas non sintan a presión de cumprir coa rixidez de xénero, que admita as variables diversas e transformadoras do feminino e do masculino. Con todo, necesitamos tamén dotarnos de mecanismos adecuados para acompañar a autonomía das infancias e o seu dereito a desenvolvela plenamente. O feminismo non pode dar as costas a estas realidades nin contribuír a empeorar a calidade de vida das infancias.

Cremos que o debate fortalece o movemento feminista. Cremos no poder dos argumentos e da discusión libre. Pero é difícil reflexionar sobre cuestións complexas cando nos vemos obrigadas a defender o máis básico: a existencia e a dignidade das persoas. E estamos radicalmente en contra do ton insultante e do menosprezo que se utiliza, sobre todo en redes sociais. Por desgraza, este debate non é unicamente teórico e, desde logo, non é inofensivo, senón que contribúe a aumentar os niveis de violencia que viven as persoas trans, en particular as mulleres trans, e lexitima indirectamente esta violencia.

Nós, mulleres feministas, apoiamos a redacción e aprobación dunha lei que garanta ás persoas trans o seu dereito á autodeterminación de xénero, que emende o desamparo normativo no que se atopan e que elimine a desigualdade á que se enfrontan na actualidade. Ningunha lei vai terminar da noite para a mañá coa discriminación e os problemas do colectivo trans, da mesma maneira que as leis contra a violencia de xénero non acabaron con ela. Pero as leis permiten xustamente nomear a discriminación, sinalala e denunciala, e este é un primeiro paso imprescindible para que esta desapareza. Nós, mulleres feministas, defensoras dun feminismo diverso, inclusivo, interseccional e desbordante, queremos percorrer este camiño da man das nosas compañeiras trans.

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s