Desde Nomespisesofreghao sentímonos identificadas coa proposta do paraugas feminista. A nosa volta a este espazo tivo moito que ver coa preocupación do que está a acontecer nos feminismos entre as propias compañeiras. Reaccións orquestadas que pretenden botar gasolina a lumes que sabemos e cremos que podemos abordar desde a sororidade, o debate e a reflexión, sabendo situar onde temos que poñer o foco e non deixar que a nosa axenda veña marcada por loitas de poder.
Non pode ser casual que, ante a democratización do feminismo, a toma das rúas nos últimos 8M, a visibilidade e a chegada de moitísimas compañeiras novas que, por fin se sinten interpeladas pola loita contra o patriarcado, xenere en determinados espazos de poder hexemónico reaccións en contra. Reméxense porque saben que o feminismo traspasou os muros da academia, das fronteiras de clase que as mantiña vivindo a costa dun movemento que é de todas. Buscan un espazo no que seguir mantendo estructuras onde unhas falan e teorizan mentras o resto baixa a unha lameira no que nós non queremos entrar, a non ser que teñamos que defendernos ou defender o que tanto está custando acadar, espazos que xa non imos ceder, onde as compañeiras trans, as traballadoras sexuais, as racializadas, as precarias constrúan espazos seguros e espazos de expresión, escoita e apoio mutuo.
Por isto nos sumaremos a calquera iniciativa que parta de supostos tan básicos para nós como estes e un deles é a iniciativa do #ParaugasFeminista, subimos a continuación o texto e vos convidamos a visitar o site web para comprobar o listado de colectivos e persoas asinantes durante os 10 primeiros días de campaña, onde se acadaron mais de 1.100 apoios.
Somos mulleres que participamos en movementos feministas dende ámbitos diversos. Estamos preocupadas polo aumento da violencia nos debates feministas, especialmente nos últimos meses, nos que vemos como medra a toxicidade nas redes sociais e como dana os espazos de debate e activismo.
Independentemente das posicións que tome cada unha de nós respecto ao xénero, ao suxeito do feminismo ou á teoría queer, pensamos que as mensaxes tránsfobas, misóxinas e crueis non teñen cabida. Estamos fartas de ver ataques persoais, insultos orquestrados e manipulacións interesadas. Tamén estamos cansas das formas que se impoñen nas redes sociais, marcadas pola urxencia, a caricaturización e a perda de matices. Por todo isto, agora dicimos basta e abrimos o paraugas: un paraugas para protexer da treboada a todas as compañeiras feministas que están sendo violentadas, un paraugas baixo o que resgardarse, un paraugas que abre un espazo seguro para pensar e falar.
Unha das cousas que nos teñen ensinado os feminismos é a capacidade de aprender xuntas. Esa aprendizaxe sempre estivo atravesada por contradicións e debates moi complexos, pero sempre atopamos maneiras de avanzar nos asuntos nos que si estamos de acordo. Confiamos en que esta vez tamén será así.
As persoas que nos sumamos a este paraugas dicimos basta ás violencias entre compañeiras feministas. Nos comprometemos a poñer o noso esforzo para non deixarnos levar polas dinámicas tóxicas e conseguir que os feminismos sigan sendo espazos seguros e coidadosos para todas. Apoiamos e mandamos moito amor a todas as compañeiras trans e a todas as disidentes da norma cisheteropatriarcal. Con xenerosidade, intelixencia colectiva e empatía, protexémonos das treboadas e esperamos encontrarnos con todas vós nos movementos feministas.