En realidade nunca marchamos, estivemos dando unha volta pola vida, criando, coidando, explorando… pero o corpo nos pide expresarnos, e onde millor que aqui? Agardamos visitas, tamén das que veñen para un café e quedan.
O feminismo que nos rodea mudou moito nestes anos, medrou, o 8M desbordou as rúas, as propostas institucionais xa non se conciben sen feminismos… todo isto e moito mais abre liñas de debate, e apetécenos abordalo.
Se daquela xa pensabamos que era necesario un colectivo autónomo de reflexión feminista hoxe é imprescindible. Pasaron moitas cousas ao noso redor, xeráronse novos espazos políticos que incidiron en nós e nos nosos mundos. Tecimos novas redes, desapareceron outras, e os debates mudaron, mudaron tanto que precisamos esta pequena fiestra para mirar a través dela e deixar pasar a luz, precisamos abirla tamén para que entre aire e nos despeluxe, repensarnos nesta nova etapa.
Están rexurdindo vellos debates -nalgúns casos disfrazados de novos- que están chegando ata o cuestionamento de dereitos. Desde Nomepisesofreghao cremos que hai liñas vermellas nese sentido e non imos ficar caladas porque queremos defender os dereitos acadados e moitos outros que están por acadar.
Ademais de non ficar caladas queremos ser nós mesmas quen defendamos os nosos posicionamentos, porque outra cousa que está acontecendo con demasiada frecuencia é que nos reintepretan, aínda que falemos claro, e fano en espazos supostamente feministas, entendemos que para acadar unha posición de poder neles.
Non queremos ser reinterpretadas, cremos que un bo xeito para evitalo é escreber neste blogue, libremente, e deixar os nosos argumentos para que non nos sitúen onde nós non queremos.
Queremos falar desde unha posición prodereitos, antipunitivista e decolonial, e queremos que os debates sobre os nosos posicionamentos teñan como fin atoparnos coas nosas incoherencias e contradicións, que as traballemos e avancemos.